Reflexión do Santo Pai Francisco do Evanxeo
deste IV Domingo de Pascua - Ciclo A
deste IV Domingo de Pascua - Ciclo A
![]() |
O Bo Pastor. Papa Francisco |
Texto completo:
O evanxelista Xoán
preséntanos, neste IV Domingo do Tempo Pascual, a imaxe de Xesús Bo Pastor. Contemplando esta páxina do Evanxeo, podemos
comprender o tipo de relación que Xesús tiña cos seus discípulos: unha relación
baseada na tenrura, no amor, no coñecemento recíproco e na promesa dun don
inconmensurable: «Eu vin -di Xesús- para que teñan vida e téñana en abundancia»
(Xn. 10, 10). Tal relación é o modelo das relacións entre os cristiáns e das
relacións humanas.
Tamén hoxe, como en tempos
de Xesús, moitos se propoñen como «pastores» das nosas existencias; pero só o
Resucitado é o verdadeiro Pastor que nos dá a vida en abundancia. Convido a
todos a ter confianza no Señor que nos guía. Pero non só nos guía: acompáñanos,
camiña connosco. Escoitemos a súa palabra con mente e corazón abertos, para
alimentar a nosa fe, iluminar a nosa conciencia e seguir os ensinos do Evanxeo.
Neste domingo recemos polos
pastores da Igrexa, por todos os bispos, incluído o bispo de Roma, por todos os
sacerdotes, por todos. En particular,
recemos polos novos sacerdotes da diocese de Roma, aos que acabo de ordenar na
basílica de San Pedro. Un saúdo a estes
trece sacerdotes. Que o Señor nos axude a
nós, pastores, a ser sempre fieis ao Mestre e guías sabios e iluminados do pobo
de Deus confiado a nós. Tamén a vós, por favor, pídovos que nos axudedes:
axudarnos a ser bos pastores. Unha vez lin algo fermosísimo sobre como o pobo
de Deus axuda aos bispos e aos sacerdotes para ser bos pastores. É un escrito de san Cesáreo de Arlés, un Pai
dos primeiros séculos da Igrexa. Explicaba
como o pobo de Deus debe axudar ao pastor, e poñía este exemplo: cando a
tenreira ten fame vai onde a vaca, á súa nai, para tomar o leite. Pero a vaca
non lla dá enseguida: parece que a conserva para ela. E que fai a tenreira? Chama co fuciño ao teto da vaca, para que salga
o leite. Que fermosa imaxe! «Así vós -di este santo- debedes ser cos
pastores: chamar sempre á súa porta, ao seu corazón, para que vos dean o leite
da doutrina, o leite da graza, o leite da guía». E pídovos, por favor, que importunedes aos
pastores, que molestedes aos pastores, a todos nós pastores, para que vos
deamos o leite da graza, da doutrina e da guía. Importunade! Pensade nesa fermosa imaxe da
tenreira, como importuna á súa mamá para que lle dea para comer.
A imitación de Xesús, todo
pastor «ás veces estará diante para indicar o camiño e coidar a esperanza do
pobo -o pastor debe ir ás veces adiante-, outras veces estará simplemente no
medio de todos coa súa proximidade sinxela e misericordiosa, e en ocasións
deberá camiñar detrás do pobo para axudar aos atrasados» (Exhortación apostólica
Evangelii gaudium, 13). Oxalá que
todos os pastores sexan así! Pero vós importunade aos pastores, para que vos
dean a guía da doutrina e da graza.
Este domingo celébrase a
Xornada mundial de oración polas vocacións. Na Mensaxe deste ano lembrei que
«toda vocación (...) require sempre un éxodo de si mesmos para centrar a propia
existencia en Cristo e no seu Evanxeo» (n. 2). Por iso a chamada para seguir a Xesús
é ao mesmo tempo entusiasmante e comprometedora. Para que se realice, sempre é
necesario establecer unha profunda amizade co Señor a fin de poder vivir del e
para El.
Recemos para que tamén neste
tempo moitos mozos oian a voz do Señor, que sempre corre o risco de ser
sufocada por outras moitas voces. Recemos polos mozos: quizá aquí, na praza,
haxa algún que oe esta voz do Señor que o chama ao sacerdocio; recemos por el,
se está aquí, e por todos os mozos que son chamados.
Santo Pai Francisco. Rezo do Ánxelus, Praza de San Pedro, 11 de maio
– 2014
Ningún comentario:
Publicar un comentario