Santo André
O 30 de novembro, celebrámola
Solemnidade de Santo André, que foi o primeiro apóstolo de Cristo.
Primeiro foi discípulo de Xoán o Bautista e despois de Xesús de Nazaret, que o escolleu como un dos doce para restaurar e xulgar ás
doce tribos de Israel.
Nado ao redor do cambio de era en Betsaida, Galilea.
O seu nome semella indicar un certo proceso de helenización das vilas xudías
que estaría chegando a Cafarnaum onde vivía co
seu irmán Simón (Pedro, papa) adicado á pesca no lago de Xenesaret.
Desprazouse a Xudea, ás beiras do Xordán,
onde Xoán o Bautista anunciaba a necesidade de
conversión e bautizaba ó xentío. Segundo o Evanxeo de Xoán, foi o Bautista quen lle dá a
coñecer a Xesús, que se desprazara para ser el tamén bautizado.
Consonte o mesmo Evanxeo, é
André quen anuncia ao seu irmán Pedro que coñeceu ao Mesías, de aí que a Igrexa
Ortodoxa o denomine Protokletos, é dicir, o primeiro chamado.
Pola súa banda, o Evanxeo de Mateu e o Evanxeo de
Marcos narran que, posteriormente, Xesús, camiñando pola ribeira do
lago de Galilea, chama conxuntamente a André e a Pedro, que se atopaban
traballando coas redes, para que o seguisen e facelos "pescadores de
homes".
Segundo o Capítulo XIII do
Evanxeo de Marcos, cando Xesús advirte que o Templo de Xerusalén será destruído, André,
abraiado e preocupado, sentado no Monte das Oliveiras fronte ao Templo, pregunta
en privado xunto con Pedro, Santiago o
Maior, e Xoán cando acontecerá isto. Xesús fala entón das
persecucións que sufrirán polos gobernadores e reis e a necesidade de que sexa
predicada a Boa Nova a todas as Nacións.
A súa influencia helénica fai
que sexa el con outro apóstolo de nome helénico, Filipe, quen presente a Xesús a uns xudeus
procedentes da diáspora de fala grega. Hai quen defende que en realidade eran
gregos non xudeus que, adheridos ao monoteísmo
de Israel, subían a Xerusalén durante a Pascua.
Xesús aproveita para confesar a súa turbación pola proximidade da súa
morte.(Capítulo XII do Evanxeo de Xoán).
André vivía inmerso no
ambiente insurreccional de Galilea, anhelando a liberación de Israel das
tiranía de Herodes
e das gadoupas do Imperio romano. A súa arela de cambio e
conversión para preparar a acción liberadora de Deus, lévao a acudir a chamada
de Xoán o Bautista e a seguir a Xesús polas vilas e aldeas de Palestina, sen
alforxa nin cartos, anunciando o Reino de Deus aos probes,
realizando exorcismos e proclamando a
liberación dos oprimidos e o amor ao inimigo.
Cando Xesús se compadece do
xentío esfameado que ían tras del e manda aos discípulos que lles dean de
comer, é André quen lle indica que hai un rapaz que ten uns poucos pans e uns
poucos peixes; preludio do milagre máis masivo realizado por Xesús narrado en
todos os evanxeos sinópticos e tamén no de Xoán e que provoca o entusiasmo das
xentes que queren proclamar a Xesús Rei.
Sería tamén un dos discípulos
que se indignan cando Santiago o Maior e Xoán Evanxelista reclaman para si os primeiros
postos, o que provoca a ensinanza de Xesús verbo de quen queira ser o
primeiro fágase o servidor de todos.
Cando Xesús é apreixado, foxe
xunto cos demais discípulos, agás algunhas mulleres. Pechado e amedrentado con
eles ten unha experiencia de resurrección
e pentecoste
que lle da pulos para predicar a Boa Nova (Evangelion) da salvación a
todos os homes.
Eusebio de Cesarea, na súa Historia
Eclesiástica, citando a Oríxenes,
afirma que André predicou por Asia Menor e en Escitia ao longo das ribeiras
do Mar Negro,
Gregorio Nacianceno indica Epiro, Teodoro
Hellas, existindo tradicións que o fan remontar o Volga
e o Dnieper
e chegar alén da actual Kiev.
Os Feitos de San André,
un escrito apócrifo dos primeiros séculos do cristianismo, menciona a fundación
da Sé de Constantinopla ou Bizancio.
O que co tempo daría azos e lexitimidade ao Patriarcado de Constantinopla que
disputaría a primacía con Roma, a Sé de Pedro.
En Galicia é un dos santos máis venerados, patrón
de multitude de parroquias e que nas orixes do cristianismo competía con
Santiago en importancia. Preto dos acantilados de Vixía de Herbeira, a capela
de Santo André de Teixido garda un dedo
do apóstolo segundo a tradición do país e a lenda popular. Trátese dun dos
grandes centros de peregrinación do pobo galego ata o punto de que se afirma
que “a Santo André de Teixido vai de morto quen non foi de vivo”.
![]() |
Santo André (Imaxe de Santo André que se venera no seu santiario en Teixido) |
Ningún comentario:
Publicar un comentario