Visualizacións de páxina totais

xoves, 4 de maio de 2017

O Botafumeiro

O Botafumeiro
  
  " Misticismo na Catedral de Santiago de Compostela "

O fume e o cheiro a incenso se esparcen pola catedral compostelá co poder dos rituais milenarios. A partir do momento en que o tiraboleiro maior dá o impulso inicial ao botafumeiro, a mirada queda irremediablemente prendida dese recipiente de 62 kg que hipnotiza co seu movemento rítmico. En galego, o seu nome poderíase traducir literalmente como o "bota fumes".

O enorme incensario aparece mencionado por primeira vez no século XII, no Códice Calixtino, e sábese que o rei Luís XI de Francia custeou un de prata no século XV, que foi roubado polas tropas napoleónicas durante a Guerra da Independencia.

Por aquel tempo unha corda colgada dunhas vigas era o único sistema de suxeición, ata que Juan Bautista Celma, a principios do XVII, deseñou o mecanismo de poleas actual. Un prodixio que aínda marabilla pola súa precisión: cun vaivén de 17 ciclos que dura 5 minutos, o botafumeiro alcanza o 68 km/h e describe un ángulo de 82 graos.

O ritual sempre formou parte da liturxia da Catedral de Santiago, aínda que non pode negarse que nas épocas de maior afluencia de peregrinos o aroma mitigaba tamén os malos cheiros. Hoxe en día, converteuse nun espectáculo que preserva todo o seu sentido espiritual. Non hai máis que mirar os rostros ensimesmados cando o botafumeiro cesa o seu máxico movemento e é descolgado.

Este ritual, que conta xa con 800 anos de tradición, pode presenciarse doce veces ao ano de maneira fixa. Estas ocasións coinciden con datas marcadas de forma especial no calendario por exemplo o 6 de xaneiro, o domingo de resurrección, o 25 de xullo (festividade de Santiago Apóstolo), o 1 de novembro ou o día de Nadal entre outros.

Botafumeiro - Catedral de Santiago de Compostela


Fonte: Publicación “National Geographic”

Ningún comentario:

Publicar un comentario