Reflexión do Papa Bieito XVI do Evanxeo deste III Domingo de Pascua
Texto completo
O evanxeo deste
domingo “o terceiro de Pascua” é o soado relato chamado dos discípulos de Emaús
(cf. Lc 24, 13-35). Nel se nos fala de dous seguidores de Cristo que, o día
seguinte ao sábado, é dicir, o terceiro desde a súa morte, tristes e abatidos
deixaron Xerusalén para dirixirse a unha aldea pouco distante, chamada
precisamente Emaús. Ao longo do camiño, uníuselles Xesús resucitado, pero eles
non o recoñeceron. Sentíndoos desconsolados, explicoulles, baseándose nas
Escrituras, que o Mesías debía padecer e morrer para entrar na súa gloria.
Despois, entrou con eles en casa, sentou á mesa, bendiciu o pan e partiuno.
Nese momento recoñecérono, pero el desapareceu da súa vista, deixándoos
asombrados ante aquel pan partido, novo signo da súa presenza. Os dous volveron
inmediatamente a Xerusalén e contaron aos demais discípulos o que sucedera.
A localidade de Emaús non
foi identificada con certeza. Hai diversas hipóteses, e isto é suxestivo,
porque nos permite pensar que Emaús representa en realidade todos os lugares: o
camiño que leva a Emaús é o camiño de todo cristián, máis aínda, de todo home.
Nos nosos camiños Xesús resucitado faise compañeiro de viaxe para reavivar no
noso corazón a calor da fe e da esperanza e partir o pan da vida eterna.
Na conversación dos
discípulos co peregrino descoñecido impresiona a expresión que o evanxelista
san Lucas pon nos beizos dun deles: «Nós esperabamos...» (Lc 24, 21). Este
verbo en pasado dio todo: Cremos, seguimos, esperamos..., pero agora todo
terminou. Tamén Xesús de Nazaret, que se manifestou como un profeta poderoso en
obras e palabras, fracasou, e nós estamos decepcionados.
Este drama dos discípulos de
Emaús é como un espello da situación de moitos cristiáns do noso tempo. Ao
parecer, a esperanza da fe fracasou. A fe mesma entra en crise por mor de
experiencias negativas que nos levan a sentirnos abandonados polo Señor. Pero
este camiño cara a Emaús, polo que avanzamos, pode chegar a ser o camiño dunha
purificación e maduración da nosa fe en Deus.
Tamén hoxe podemos entrar en
diálogo con Xesús escoitando a súa palabra. Tamén hoxe, el parte o pan para nós
e entrégase a si mesmo como o noso pan. Así, o encontro con Cristo resucitado,
que é posible tamén hoxe, dános unha fe máis profunda e auténtica, tépeda, por
dicilo así, polo lume do acontecemento pascual; unha fe sólida, porque non se
alimenta de ideas humanas, senón da palabra de Deus e da súa presenza real na
Eucaristía.
Este estupendo texto evanxélico
contén xa a estrutura da santa misa: na primeira parte, escóitaa da Palabra a
través das sacras Escrituras; na segunda, a liturxia eucarística e a comuñón
con Cristo presente no sacramento do seu Corpo e do seu Sangue. A Igrexa,
alimentándose nesta dobre mesa, edifícase incesantemente e renóvase día tras
día na fe, na esperanza e na caridade. Por intercesión de María santísima,
oremos para que todo cristián e toda comunidade, revivindo a experiencia dos
discípulos de Emaús, redescubra a graza do encontro transformador co Señor
resucitado.
Papa Bieito XVI. Rezo do Ánxelus, Praza de San Pedro, 6 de abril
– 2008
Ningún comentario:
Publicar un comentario