Visualizacións de páxina totais

xoves, 2 de marzo de 2017

Solemnidade de San Xosé

Nota dos Bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago ante a Solemnidade de San Xosé

Ao coincidir en domingo, a CEE decidiu trasladar ao luns 20 a festividade litúrxica.  Os prelados acordan manter nas dioceses respectivas o carácter festivo deste día.

A persoa e a vida de San Xosé teñen na historia da nosa salvación unha importancia que foi recoñecida sempre pola sacra Liturxia e as leis canónicas ao propoñer a súa festa como día de precepto (cf. canon 1246). Tradicionalmente o pobo cristián ha secundado esta norma dando un significativo realce familiar e social á festa do 19 de marzo.

Atendendo a que o 19 de marzo deste ano coincide en domingo, a Conferencia Episcopal Española decidiu trasladar ao luns 20 de marzo, a festividade litúrxica de San Xosé. A pesar de ser laborable este día na comunidade autónoma de Galicia, os bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago acordamos manter nas dioceses respectivas o carácter festivo deste día. En consecuencia, e para coñecemento dos fieis, dispoñemos:

- Manter o 20 de marzo, solemnidade de San Xosé, como festa de precepto, coa obrigación de participar na Santa Misa, aínda que sexa laboralmente hábil.

- Aqueles fieis que teñan xornada laboral ordinaria quedan dispensados do precepto, aínda que se lles pide e recomenda vivamente a participación na eucaristía dese día de festa dedicado a San Xosé, esposo da Virxe.

- Pedir, igualmente, aos párrocos e reitores de igrexas que informen os fieis con antelación destas decisións e acomoden no posible os horarios de misas ás posibilidades e necesidades dos fieis.

- Seguindo o calendario litúrxico, a solemnidade de San Xosé celebrarase unicamente ao longo do día 20 de marzo.

- Por razóns pastorais, a oración e a colecta para o Seminario Diocesano trasládanse á tarde do sábado, día 18, e ao domingo, día 19 de marzo.

Santiago de Compostela, 1 de marzo - 2017

+ Julián, Arcebispo de Santiago
+ Luis, Bispo de Tui-Vigo
+ Alfonso, Bispo de Lugo
+ José Leonardo, Bispo de Ourense
+ Luis Ángel, CMF, Bispo de Mondoñedo-Ferrol
+ Jesús, Bispo Auxiliar de Santiago



San Xosé

Bispos de Galicia, ano 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario