«Carta
Pastoral na Coresma do 2017»
“A túa luz,
Señor, fai que vexamos nós a luz”
Queridos
diocesanos:
Xesús
comezou a súa vida pública realizando a misión que Deus Pai lle encomendara.
Dicía: “O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e crede
na Boa Nova” (Mc 1,15). É o que se nos dirá na imposición da cinza: “Convértete
e cre no Evanxeo”.
“A Coresma,
manifesta o Papa na súa Mensaxe coresmal 2017, é un novo comezo, un camiño que
nos leva a un destino seguro: a Pascua de Resurrección, a vitoria de Cristo
sobre a morte. É un tempo propicio para intensificar a vida do espírito a
través dos medios santos que a Igrexa nos ofrece: o xaxún, a oración e a
esmola. É o tempo propicio para renovarse no encontro con Cristo vivo na súa
Palabra, nos sacramentos e no próximo. É un tempo propicio para abrir a porta a
calquera necesitado e recoñecer nel ou nela o rostro de Cristo”.
Vernos desde
Deus
Ao comezar a
Coresma temos que preguntarnos que compromiso cristián leva para nós este tempo
de graza, non botando en saco roto o amor de Deus. Como Saulo no camiño de
Damasco preguntámonos: “Quen es ti, Señor? Que queres que faga?” Non se trata
tanto de xulgar a nosa vida, pois somos pecadores. “Se dicimos que non temos
pecado, desviámonos e a non temos en nós a verdade” (1Xn 1,8). Por iso o
importante é sobre todo mirar a nosa vida desde Deus, vernos como El nos ve de
forma que poidamos dicir: “A túa luz, Señor, fai que vexamos nós a luz” (Ps
36,10).
É posible
que caiamos na conta de que lle demos as costas a Deus porque quixemos ser coma
El, desobedecendo o seu plan sobre nós, criaturas súas. Talvez percibamos que
rompemos cos demais, aparcando a fraternidade, a solidariedade e a xustiza, e
sentíndonos ausentes nas situacións, en non poucos casos dramáticas, que viven
os nosos semellantes. Con frecuencia esquecemos a nosa relación con Deus
Creador, actuando como donos e non como administradores da realidade creada, e
ignorando o ben común e a quen virá detrás de nós. Esta prepotencia leva á
cobiza, á vaidade e á soberbia.
A que toca a
campá da Coresma?
A campá da
Coresma toca para chamarnos a reflexionar sobre as nosas relacións con Deus,
coa nosa familia, cos que estamos no noso traballo, coas persoas necesitadas, a
conformar as nosas actitudes coa misericordia de Deus, lembrando que a historia
de Deus connosco é unha historia de misericordia, e a vernos como o Señor,
rostro da misericordia de Deus (MV 1), nos ve. Sintámonos responsables da
misericordia de Deus que nos envía a reconciliar (cf. 2Cor 4, 1-12)!
Neste
peregrinar noso o pecado paralízanos ás veces. Se esa fose nosa situación, o
Señor vén ao noso encontro a través do sacramento da Confesión para dicirnos:
“Meu fillo, quédanche perdoados os teus pecados “ (cf. Mc 2, 1-12). Como a
muller do evanxeo que busca a moeda perdida ata que a atopa, Deus varre a
sucidade da nosa casa e búscanos a pesar das nosas pasividades e pesimismos ao
escondernos como Adán e Eva nos nosos paraísos perdidos. A pedagoxía deste
tempo coresmal é como ese semáforo en vermello que nos advirte de que temos que
pararnos e entrar dentro de nós mesmos para superar a desorde espiritual e o
apego ás cousas mundanas e vas que nos afastan dos valores do Evanxeo. Non
esquezamos que somos pecadores pero perdoados, como o papa Francisco repite con
frecuencia. O Señor vén a nós e quere contar connosco: “Oxalá escoitemos a voz
de Deus e non endurezamos o corazón” porque a luz de Deus fainos ver a luz con
que debemos mirarnos. A imaxe do Señor sobre nós axúdanos a renovarnos e unha
Palabra súa abonda para curarnos. Pidamos que o Señor se apiade de nós, nos
mostre a luz da súa presenza e nos bendiga.
Feliz camiño
cara á Pascua! Saúdavos con afecto e bendí no Señor.
Arcebispo de Santiago de Compostela
![]() | |
Coresma |
Ningún comentario:
Publicar un comentario