Visualizacións de páxina totais

mércores, 22 de febreiro de 2017

Coresma

Próximos xa a "Coresma", lembremos un pouco do seu significado e cal é a súa importancia.
A Coresma é o tempo litúrxico de conversión, que marca a Igrexa para prepararnos á gran festa da Pascua. É tempo para arrepentirnos dos nosos pecados e de cambiar algo de nós para ser mellores e poder vivir máis preto de Cristo.
A Coresma dura 40 días; comeza o Mércores de Cinza e termina antes da Misa da Cea do Señor do Xoves Santo. Ao longo deste tempo, sobre todo na liturxia do domingo, facemos un esforzo por recuperar o ritmo e estilo de verdadeiros crentes que debemos vivir como fillos de Deus.
A cor litúrxica deste tempo é o morado que significa loito e penitencia. É un tempo de reflexión, de penitencia, de conversión espiritual; tempo de preparación ao misterio pascual.
Na Coresma, Cristo convídanos a cambiar de vida. A Igrexa convídanos a vivir a Coresma como un camiño cara a Xesucristo, escoitando a Palabra de Deus, orando, compartindo co próximo e facendo obras boas. Convídanos a vivir unha serie de actitudes cristiás que nos axudan a parecernos máis a Xesucristo, xa que por acción do noso pecado, afastámonos máis de Deus.
Por iso, a Coresma é o tempo do perdón e da reconciliación fraterna. Cada día, durante toda a vida, habemos de arroxar dos nosos corazóns o odio, o rancor, a envexa, os celos que se opoñen ao noso amor a Deus e aos irmáns. En Coresma, aprendemos a coñecer e apreciar a Cruz de Xesús. Con isto aprendemos tamén a tomar a nosa cruz con alegría para alcanzar a gloria da resurrección.
40 días
A duración da Coresma está baseada no símbolo do número corenta na Biblia. Nesta, fálase dos corenta días do diluvio, dos corenta anos da marcha do pobo xudeu polo deserto, dos corenta días de Moisés e de Elías na montaña, dos corenta días que pasou Xesús no deserto antes de comezar a súa vida pública, dos 400 anos que durou a estancia dos xudeus en Exipto.
Na Biblia, o número catro simboliza o universo material, seguido de ceros significa o tempo da nosa vida na terra, seguido de probas e dificultades.
A práctica da Coresma data desde o século IV, cando se dá a tendencia para constituíla en tempo de penitencia e de renovación para toda a Igrexa, coa práctica do xaxún e da abstinencia. Conservada con bastante vigor, polo menos nun principio, nas igrexas de oriente, a práctica penitencial da Coresma foi cada vez máis alixeirada en occidente, pero debe observarse un espírito penitencial e de conversión.
Coresma

Ningún comentario:

Publicar un comentario