Reflexión do Santo Pai Francisco do Evanxeo
deste VII Domingo de Pascua - Ciclo A
A Ascesión do Noso Señor Xesucristo
![]() |
Santo Pai Francisco. A Ascensión. Ánxelus. Evanxeo segundo San Mateu (Mt. 28, 16 – 20) |
Texto completo:
Queridos irmáns e irmás, bos días!
Hoxe, en Italia e noutros países, celébrase a Ascensión
de Xesús ao ceo, que tivo lugar corenta días despois da Pascua. Os Feitos dos apóstolos relatan este episodio,
a separación final do Señor Xesús dos seus discípulos e deste mundo (cf. Fei.
1, 2.9). O Evanxeo de Mateu, en cambio,
presenta o mandato de Xesús aos discípulos: a invitación para ir, a saír para
anunciar a todos os pobos a súa mensaxe de salvación (cf. Mt 28, 16-20). «Ir», ou mellor, «saír» convértese na palabra crave da festa de hoxe: Xesús sae cara
ao Pai e ordena aos discípulos que saian cara ao mundo.
Xesús sae, ascende ao ceo, é
dicir, volve ao Pai, que o mandaba ao mundo. Fixo o seu traballo, por tanto, volve ao Pai. Pero non se trata dunha separación, porque El
permanece para sempre connosco, dunha forma nova. Coa súa ascensión, o Señor resucitado atrae a
mirada dos Apóstolos -e tamén a nosa mirada- ás alturas do ceo para mostrarnos
que a meta do noso camiño é o Pai. El
mesmo dixera que se marcharía para prepararnos un lugar no ceo. Con todo, Xesús permanece presente e activo
nas vicisitudes da historia humana co poder e os dons do seu Espírito; está xunto
a cada un de nós: aínda que non o vexamos cos ollos, El está. Acompáñanos, guíanos, tómanos da man e
levántanos cando caemos. Xesús
resucitado está preto dos cristiáns perseguidos e discriminados; está preto de
cada home e cada muller que sofre. Está preto
de todos nós, tamén hoxe está aquí connosco na praza; o Señor está connosco.
Vós creedes isto? Entón dicímolo xuntos:
O Señor está connosco!
Xesús, cando volve ao ceo, leva
ao Pai un agasallo. Cal é o agasallo? As súas chagas. O seu corpo é fermosísimo,
sen os sinais dos golpes, sen as feridas da flaxelación, pero conserva as
chagas. Cando volve ao Pai móstralle as chagas e dille: «Mira Pai, leste é o
prezo do perdón que ti dás». Cando o Pai contempla as chagas de Xesús perdóanos
sempre, non porque sexamos bos, senón porque Xesús pagou por nós. Contemplando
as chagas de Xesús, o Pai faise máis misericordioso. Este é o gran traballo de Xesús
hoxe no ceo: mostrar ao Pai o prezo do perdón, as súas chagas. Isto é algo
fermoso que nos impulsa a non ter medo de pedir perdón; o Pai sempre perdoa,
porque mira as chagas de Xesús, mira o noso pecado e perdóao.
Pero Xesús está presente tamén
mediante a Igrexa, a quen El enviou a prolongar a súa misión. A última palabra
de Xesús aos discípulos é a orde de partir: «Ide, pois, e facede discípulos a todos os pobos» (Mt 28, 19). É un mandato preciso, non é
facultativo. A comunidade cristiá é unha comunidade «en saída». É máis: a Igrexa naceu «en saída». E vós dirédesme:
e as comunidades de clausura? Si, tamén elas, porque están sempre «en saída» coa oración, co corazón
aberto ao mundo, aos horizontes de Deus. E os anciáns, os enfermos? Tamén eles, coa
oración e a unión ás chagas de Xesús.
Aos seus discípulos misioneiros Xesús
di: «E sabede que eu
estou convosco todos os días, ata o final dos tempos» (v. 20). Sós, sen Xesús, non podemos facer nada. Na
obra apostólica non bastan as nosas forzas, os nosos recursos, as nosas
estruturas, incluso sendo necesarias. Sen
a presenza do Señor e a forza do seu Espírito o noso traballo, mesmo ben
organizado, resulta ineficaz. E así imos
dicir á xente quen é Xesús.
E xunto con Xesús acompáñanos
María a nosa Nai. Ela xa está na casa do Pai, é Raíña do ceo e así a invocamos
neste tempo; pero como Xesús está connosco, camiña connosco, é a Nai da nosa
esperanza.
Domingo 1 de xuño - 2014. Praza de San Pedro – Cidade do Vaticano
Ningún comentario:
Publicar un comentario