Domingo 3 de Coresma -
Ciclo A, 19 de marzo – 2017
Lectura do Evanxeo segundo
Xoán, (Xn. 17, 1 - 9)
Xesús conversa coa Samaritana
Naquel tempo chegou
Xesús a unha cidade da Samaría chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara
Xacob a seu fillo Xosé. Estaba alí o
pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o pozo. Era ó pé do
mediodía. Chegou unha muller da Samaría
sacar auga. E Xesús díxolle:
-
Dáme
de beber.
(Os seus discípulos
foran á vila, mercar comida).
Preguntoulle entón a
muller samaritana:
‑ Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min,
muller samaritana, que che dea de beber? (Porque os xudeus non se levan cos
samaritanos).
Respondeulle Xesús:
- Se coñecése-lo don de Deus e quen é o que
che di "dáme de beber", ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga
viva.
Replicoulle a muller:
- Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o
pozo é fondo, de onde pensas quitar esa auga viva? Seica es ti máis có noso pai
Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos e mais o seu
gando?
Xesús contestoulle:
- Todo o que bebe auga desta, terá sede outra
vez; pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca mais terá sede: a auga que
eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida
eterna.
A muller suplicou:
- Señor, dáme, logo, desa auga para non ter
sede nin ter que vir aquí por ela.
Díxolle Xesús:
- Vai chamar polo teu marido e volve aquí.
A muller contestou:
- Non teño marido.
Xesús díxolle:
- Falaches ben, dicindo "non teño
marido"; tiveches cinco homes e o que tes agora non é teu marido. Desta
si que falaches a verdade.
A muller respondeu:
- Señor, vexo que ti es profeta. Os nosos
pais adoraron neste monte e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar.
Xesús díxolle:
- Faime caso, muller: chega a hora en que nin
neste monte nin en Xerusalén adoraréde-lo Pai. Vós adoráde-lo que non
coñecedes; nós adoramos o que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus. Pero
chega a hora ‑é xa agora‑ en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en
espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é
espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade.
Respondeu a muller:
- Sei que está para vir o Mesías, o chamado
Cristo. Cando el veña, hanos anunciar todas as cousas.
Díxolle Xesús:
- Son eu, o que está falando contigo.
Nisto chegaron os seus
discípulos e chamoulles a atención que falase cunha muller. Pero ningún lle
preguntou: "Que pretendes?" ou "De que falas con esa?"
Entón, deixando a
muller o seu cántaro, foi á vila e díxolles ós veciños:
- Vide ver un home que me dixo todo canto eu
fixen. Non será el o Mesías?
Eles saíron da vila e
viñeron onda el. Mentres, os seus
discípulos insistíanlle:
- Rabbí, come.
Mais el díxolles:
- Eu teño para xantar unha comida que vós non
sabedes.
Dicíanse entón os
discípulos, uns ós outros:
- Traeríalle alguén de comer?
Xesús díxolles:
- A miña comida é facer a vontade daquel que
me mandou e levar a remate a súa obra. Non dicides vós que aínda faltan catro
meses para que chegue a seitura? Ben,
pois mirade o que vos digo: erguede os vosos ollos e veredes que os campos
están brancos para a seitura. O que sega
recibe a paga e recolle froito para a vida eterna; de xeito que se alegran
tanto quen sementa coma quen sega. Pois
nisto é verdadeiro o dito de que un é quen sementa e outro quen recolle. Eu mandeivos recolle-lo que vós non
traballastes: outros traballaron e vós recolléste-lo froito do seu traballo.
Moitos samaritanos
daquela vila creron nel, pola palabra da muller, que declaraba: "díxome
todo canto eu fixen". Por iso os
samaritanos chegados onda el, rogábanlle que quedase con eles; e quedou alí
dous días. E creron aínda moitos máis
polo que el lles dixo. Dicíanlle despois
á muller:
- Xa non cremos polo
que ti nos dixeches: nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o
Salvador do mundo.
Palabra de Deus.
![]() |
Xesús conversa coa Samaritana |
Ningún comentario:
Publicar un comentario